Saturday 20 de April de 2024

A Xunta aposta por potenciar a calidade do turismo galego para atraer visitantes neste Xacobeo 21-22 cunha proposta diferenciada


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na gala de entrega dos distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) a 24 establecementos do xeodestino Terras do Condado-A Paradanta

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na gala de entrega de recoñecementos do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) a 24 establecementos do sector do destino Terras do Condado-A Paradanta, que tamén está recoñecido con este selo desde o ano pasado. Na súa intervención, destacou a firme aposta da Xunta por potenciar a calidade turística para atraer visitantes neste Xacobeo 21-22, debido á súa capacidade para fidelizar turistas cunha proposta diferenciada fronte a outros destinos, o que supón unha vantaxe competitiva para Galicia.

Así, incidiu en que a calidade é o camiño a seguir neste Xacobeo dobre porque constitúe un elemento diferenciador que fai que quen visita Galicia repita e que estes visitantes se convertan nos mellores embaixadores do destino e da marca Galicia.

Na súa aposta por un turismo de excelencia, a Xunta está adherida ao proxecto SICTED da Secretaría de Estado de Turismo, unha metodoloxía que responde á necesidade de traballar a calidade nun destino e englobar os servizos das empresas turísticas e que forman parte do itinerario de consumo dun turista. Deste xeito, o proxecto busca mellorar a calidade dos destinos, buscando mellorar a experiencia e a satisfacción dos visitantes.

España conta con 213 destinos adheridos a este proxecto, dos que 11 son galegos, entre eles Terras do Condado-A Paradanta, o que sitúa a Galicia no sétimo posto a nivel nacional. Ademais, a comunidade galega conta con 771 entidades distinguidas, con Galicia no terceiro posto a nivel nacional con maior número de entidades distinguidas.

Q de calidade turística
Xunto a estes distintivos tamén destaca a posición galega en certificacións do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) como é a Q de Calidade Turística, que supón un paso máis na excelencia turística, e coa que contan case 300 entidades en Galicia. Unha cifra que sitúa a Galicia como a segunda comunidade con máis certificacións, só por detrás de Andalucía.

O vicepresidente primeiro da Xunta resaltou a implicación do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado-Paradanta, organizador da gala, e dos 10 concellos da zona na promoción, xunto co Goberno galego, deste xeodestino incorporado en 2018 ao mapa turístico galego. Así, referiuse á súa tradición vitivinícola e termal, ás súas opcións de turismo activo ou ás súas festas de interese turístico, como o Corpus Christi de Ponteareas, de Interese Internacional, ou da Lamprea de Arbo, de Interese Nacional.

Alfonso Rueda engadiu que este territorio comparte co conxunto da comunidade valores que están a demandar os turistas neste escenario marcado pola pandemia cun turismo tranquilo e non masificado espazos abertos e en contacto coa natureza nun destino seguro, sostible, de calidade.

Por iso, a Xunta vén apoiando ao sector na posta en marcha de medidas para reforzar a seguridade como a posta en marcha en breve do seguro coronavirus e, nos meses máis duros da pandemia, a convocatoria dunha liña de axudas de 5,9 millóns de euros para a adaptación dos negocios ás medidas de prevención da covid-19. Este ano o Goberno galego destina 3,5 millóns a actuacións en aloxamentos e locais de restauración co obxectivo, entre outros, de mellorar a súa calidade, ademais e axudar aos concellos e establecementos e servizos turísticos a renovar a súa Q de calidade.